O vicepresidente da Fundación Dorzán, Secundino Vidal Rodríguez, e a directora de Cáritas Diocesana de Ourense, María Tabarés Domínguez, asinaron por terceiro ano consecutivo un convenio de colaboración, que seguirá apoiando un programa específico para axudar a maiores de 60 anos que se atopen en risco de exclusión social, ou pasasen xa o nivel de pobreza, co obxectivo de que poidan ter unha vida máis digna.
A Fundación achega 10.000 euros para a anualidade 2016, que se suma a idéntica cantidade doada en 2014 e 2015. O apoio económico destinarase ao pago de necesidades básicas relacionadas coas subministracións como a auga ou a luz, a vivenda ou a alimentación.
"Non podemos permanecer impasibles ante a situación de exclusión social que están a padecer algúns dos nosos maiores, motivada por factores como a conxuntura económica actual, a diminución na capacidade de apoio das redes socio-familiares ou por outras circunstancias sobrevindas. Por iso necesaria e útil nosa intervención, concretada no financiamento do proxecto que presentamos, que aínda que non abarca todas as necesidades, se polo menos contribúe a mellorar os casos máis urxentes", explicaba en vicepresidente da Fundación Dorzán, Secundino Vidal.
"As máis de 100 intervencións que se desenvolveron en 2014 e 2015, das que se beneficiaron un total de 53 e 49 maiores, respectivamente, xustifican a execución deste programa, destinado a aliviar o risco de pobreza, a desprotección e a exclusión social dun sector tan vulnerable como é o da terceira idade" indicou a directora de Cáritas Diocesana de Ourense, María Tabarés.
En ningún caso estas axudas van asociadas a prazas residenciais, senón que se trata de que as persoas que se inclúan nestes programas poidan seguir vivindo nos seus domicilios, dándolles precisamente unha cobertura básica para as necesidades máis urxentes.
Compartir: